jueves, 24 de julio de 2014

Día de Galicia e da Festa da Fraga (nas Pontes)

Hoy Día de Galicia y de la Fiesta de A Fraga, en As Pontes, mi family town, os dejo el artículo que me han publicado, nada más y nada menos, que en el libro de las fiestas de mi pueblo...  Los que lo tengáis, guardarlo para firmar los autógrafos... :P

Como no puede ser de otra forma está escrito en gallego, pero los que tengan dificultad en entenderlo y estén interesados en leerlo, recordad que existe Google Translate y sí, también traduce gallego...



As Pontes connection vía Vancouver

Trinta e cinco veces estiven nas festas do Carme. E unha faltei. Foi o ano pasado. Este ano, mentres escribo, aínda non sei se voltarei. Escribo desde 7.000 kilómetros de distancia, outro continente, un océano por medio e mirando cara a Asia. Estou en Vancouver, a terceira cidade de Canadá e a súa nena bonita.
Xa levo un ano en Vancouver. Vin principalmente a mellorar o meu inglés e a ter unha experiencia internacional que nunca tivera. E esta aventura que debería estar chegando ao seu fin, parece que pode continuar.

Vancouver é considerada unha das cidades con maior calidade de vida do mundo. Todos os rankings o din. Outra cousa é o que realmente miden estes rankings para sacar esa conclusión, xa que a felicidade non é fácil de medir.

Pero non quería falar de Vancouver, senón da visión de Galicia que se pode ter desde aquí e do inmenso que é o mundo e, ao mesmo tempo, tan pequeno.



Para contextualizar, para un vancouverita España é básicamente Barcelona. Esa será a seguinte pregunta despois de que saiban que es español. Are you from Barcelona? A maioría deles, se visitou España algunha vez, estivo en Barcelona. Aínda que resulte paradoxo, aquí España e Barcelona veñen a ser o mesmo. A min despois tócame a explicación: “Eu son de Galicia, no noroeste, enriba de Portugal…”.
Pero ás veces si que saben ubicarnos no mapa. Curiosamente a sona do Camiño de Santiago chega a Canadá. En Vancouver hai unha axencia de viaxes especializada no camiño. Encóntrase en pleno centro, e a promoción do camiño ocupa a meirande parte do seu escaparate. Levan grupos de turistas a Roncesvalles e desde alí fanos camiñar ata a capital de Galicia, entendo que con guía. Durante este tempo encontreime cun par de persoas que fixeron o camiño e eu quedei coma un parvo, cando tiven que responder que non á pregunta de se eu tamén o fixera.

Tamén me ten sorprendido que me preguntasen se falaba galego. Non é algo xeralizado, e normalmente é necesario explicar que en España falamos outras linguas ademais do español. Se o interlocutor é latino, ademais, haberá que explicar nalgún momento que non se trata dun dialecto, porque sempre tenden a usar esa palabra tan malsoante para nós cando se trata doutra lingua en España que non sexa o español. Eu pola miña parte farteime de explicar nas miñas clases de inglés, en presentacións que tiñamos que facer, cómo naceron as linguas na Península Ibérica e cómo o galego e o portugués foron a mesma tempo atrás.

E falando de portugués, esa lingua que en España se mira ás veces con desprezo, e en Galicia non se valora o suficiente, aquí está en auxe e sempre á par do español. Brasil arrasa e converteuse na locomotora económica de Latinoamérica. E Vancouver, como non, está repleta de brasileiros ricos que veñen aquí a turistear, a estudar e a vivir.


Vancouver, ao igual que o resto de Canadá, é terra de emigrantes. É unha cidade de pouco máis de cen anos polo que é moi habitual, cando coñeces a alguén, preguntarlle polo seu background, que vén traducíndose en galego por “e ti de quen ves sendo”. Non quere dicir que non sexan canadenses, senón que é de onde é orixinariamente a súa familia, porque autóctonos daquí, nativo-americanos, quedan poucos.

Ao redor da metade da poboación é de orixe asiática. Esta cidade converteuse no destino preferido dos chineses ricos, que decidiron investir aquí no ladrillo para desfrutar dun ritmo de vida máis saudable e máis tranquilo, ao mesmo que os hindús. Outra das grandes comunidades é a iraní, que encontraron en Canadá a liberdade que non teñen no seu país. En xeral, son xente de clase alta de países prósperos, con moitos recursos, pero que non desfrutan da mellor calidade de vida nin a liberdade que encontran en Canadá. Porque para emigrar a Canadá hai que ter, fundamentalmente, cartos.

Aquí os pobres somos os europeos: sobre todo mozos españois, franceses, irlandeses e de países do Leste, que vimos a Canadá escapando da crise coa escusa de mellorar o inglés (non no caso dos irlandeses) e de ver que oportunidades laborais temos.



¿E que ten Vancouver, que capta a atención de todo o mundo? Vancouver é unha mestura de cidade e natureza. É unha cidade bonita e ben organizada, rodeada de mar e protexida por maxestuosas montañas. Eu mesmo vivo a 15 minutos camiñando do centro, nun barrio residencial cheo de xardíns, a 10 minutos da praia e a outros tantos dun parque enorme, que é un dos máis grandes de Norteamérica. Toda a península, que é o corazón da cidade, está rodeada de mar e dun paseo marítimo con dous carrís, un para peóns e outro para bicicletas e patíns. Aquí o deporte ao aire libre é a principal afección. Todo relax. Nada de estrés. É máis fácil encontrarte a alguén facendo ioga en calquera xardín ou praia, que correndo no metro para ir a traballar. Unha cidade con estilo de vida rural, “cultura orgánica” dirían aquí...

Pero non vos enganedes por todo isto. Vancouver para un español pode chegar a ser unha cidade aburrida. ¿Perfecta? Sí, pero aburrida. Todo é lento e previsible. Os vancouveritas son complicados, solitarios. Dan rodeos para todo. Son incapaces de ser espontáneos, ter iniciativa e saírse do estipulado. Aínda que parece que o mundo cada vez está máis uniformado, e encontramos as mesmas tendas e os mesmos produtos en todos os lados (eu sigo fiel a Zara), unha das cousas que máis me sorprendeu na miña estadía en Vancouver ten sido o choque cultural, o diferente punto de vista, a forma distinta de facer as cousas e, especialmente, como os códigos sociais que temos en Galicia, en España, e mesmo en Europa, son diferentes aquí.



Pero aínda así, ás veces parece que se conxuran os astros e as casualidades fan que a 7.000 quilómetros de distancia, nunha das poucas festas underground que pode haber nesta cidade pouco festeira, alguén dunha pequena vila de Texas (Estados Unidos) acabe por preguntarme esa expresión que traducida ao galego ven a ser “¿e ti de quen ves sendo?”. E que ao dicir “de Galicia, no noroeste, enriba de Portugal”, responda “¿si? ¿e de que parte de Galicia?”. “Dunha vila no norte, preto de Ferrol”. ¿E de onde exactamente, porque en Ferrol viviu o meu mellor amigo hai un par de anos”. E ao día seguinte que che envíe unha mensaxe para dicirche que nas Pontes traballou o seu amigo, axudando ao profesor de inglés do Colexio da Fraga, no poblado* onde precisamente nacín eu, no primeiro esquerda do primeiro (ou o último) portal dos vermellos.

E é que, cando menos o esperas, lonxe de todo e afastado dos teus, onde as cousas funcionan moi diferente a como ti sempre pensabas que funcionaban en todo o mundo, as túas orixes volven a ti como por golpe de maxia.



E eu, mentres desfrutades das festas, se é que non me vedes por aí de cañas, é porque finalmente o Goberno canadense aprobou a miña solicitude para poder traballar aquí coma un canadense máis. Estarei traballando de 9 a 5 atendendo a estudantes e levando márketing internacional nun college que ofrece tanto cursos de inglés como programas de estudio e traballo en varios campos. Irei a correr e a andar en bici por Stanley Park. Farei hikings polos arredores, que é a forma fina que teñen aquí de dicir que van dar un paseo polo monte. E á hora da comida, decidirei se comer nun restaurante tailandés, coreano ou mongol, ou repetir nun das ducias de opcións de sushi que ofrece esta cidade. ¡Felices festas a todos e unha aperta moi grande a toda a miña xente! I miss you!!! :P


*Os poblados é o nome que lle damos nas Pontes ás diferentes urbanización que existen nas Pontes e que foron constuidas no seu día para acoller os traballadores da central términa que coroa a vila. O poblado da Fraga caracterizábase porque cada bloque de edificios era dunha cor diferente.




1 comentario: